Remataba 1950 cando José, quen acabaría sendo coñecido como Señor Gaibor, e María, alugaban unha pequena casiña de pedra no camiño da feira para trasladar a súa pequena taberna, que anos antes abrira ás aforas do pobo, recén chegados de Mariz.
Eran tempos de escasez nos que defenderon o seu negocio vendendo principalmente viño e bocadillos de sardiña en lata. José deseguida enviuvou tendo que coidar só ó seu único fillo Toñito namentras sacaba adiante o seu local, que tamén era a súa casa.
En 1969, Toñito casou con Pili para poñerse ó frente da Casa. Comezaba así unha etapa na que a compra e posterior reforma do establecemento permitiu que aquela pequena taberna se convertera en casa de xantares, onde os pratos tradicionais máis representativos da nosa gastronomía conformaban a súa carta, e seguen servindo de inspiración a día de hoxe. No 1970 naceu súa filla, tamén Pili.
Despois do cedo falecemento de Toñito e Pili, a neta do Señor Gaibor foi quen tomou as rendas do negocio familiar, acompañada pola súa parella, Carlos. Entre os dous traballaron e defenderon o negocio, onde non deixaron de vivir, cunha evolución e adaptación constante para ofrecer o mellor servizo posible en cada tempo.
Hoxe é seu fillo Antón, bisneto de José, quen está ó fronte da Casa. Mercedes, David, Adrián, Mamadou, Carmen, Ofelia e Eneko completan un equipo de profesionais que dan o mellor de si no día a día para que poidas desfrutar dunha experiencia familiar, cunha cociña humilde e honesta, onde o respecto polo produto é o protagonista.
Síntete benvidx á nosa Casa, que tamén é a túa.












